RECUPERACIÓN

Cada ano aparecen varados na costa galega unha media de 240 cetáceos, lobos mariños e tartarugas. A maioría son animais que xa chegan mortos, arrastrados polas correntes, pero aproximadamente o 10% aparecen vivos. É entón necesario poñer en marcha actuacións para valorar cada caso, decidir entre a reintrodución inmediata ou o traslado a rehabilitación, e unha vez superado este periodo proceder á liberación trala recuperación. Hoxe en día non hai instalacións apropiadas en Galicia para atender cetáceos de máis de dous metros ou tartarugas de coiro, polo que só cabe considerar a reintrodución directa.

Os animais son atendidos baixo a dirección do equipo veterinario nunha primeira fase nas intalacións de CEMMA e para a segunda fase previa á liberación cóntase con grandes piscinas que ceden o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Illa de Arousa ou o Acuario de O Grove. Para o diagnóstico por imaxe o equipo veterinario conta coa colaboración do Hospital Veterinario Rof Codina da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo.

Os lobos mariños son liberados nas augas do Gran Sole, de onde proceden, grazas á colaboración de barcos persqueiros que faenan na zona, aos que nunca estaremos suficientemente agradecidos.

 
 
 
 

COMPLETE WEB by CEMMA is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Sin obras derivadas 3.0 España License