ACTIVIDADES AMBIENTAIS MARIÑAS NO CONCELLO DE NIGRÁN

Ponse en marcha este proxecto co obxecto de aumentar a sensibilidade ambiental social sobre o medio mariño e as especies mariñas ameazadas e protexidas no ámbito do concello de Nigrán (Pontevedra). Neste concello das Rías Baixas ten a súa sede CEMMA dende 2003, polo que é un proxecto de proximidade.

Esta páxina resume as actividades realizadas ao longo do ano 2023.

 
 
 

Os obxectivos principais do proxecto son:

- Dar a coñecer as potencialidades da contorna, sobre todo do litoral e medio mariño

- Aportar información e protocolos de actuación na asistencia aos animais mariños varados, a través de xornadas formativas e de simulacro de rescate.

-Poñer en valor ás especies mariñas protexidas estando algunhas delas ameazadas.

- Dar apoio ao resto das actividades da entidade.

- Dar a coñecer a toniña -especie de cetáceo catalogada en perigo de extinción en España- e o valor da súa conservación.

 
 
 

Para poder acadar os obxectivos impartíronse charlas e simulacros en centros educativos e praias do concello de Nigrán, nas que se presentaron as diferentes especies mariñas ameazadas e as súas características, así como os puntos máis importantes á hora de atendelas en caso de varamento.

 
 

A finais do 2022 tivo lugar un acto de divulgación en Camos, onde se estreou o “Himno da Toniña”, baseado na cantiga popular miñorana “Sopla vento do norte”, e interpretado polo Coro de Música Tradicional de Peitieiros. Esta peza foi editada durante o 2023 e foi disposta para o seu disfrute ONLINE AQUÍ.

CEMMA dispón de material osteolóxico como elementos de estudo científico e didáctico. Para a súa obtención unha das actividades organizadas é a de recuperación osteolóxica, consistente no desenterramento e limpeza de esqueletos, así como a súa montaxe, clasificación e rexistro no banco biolóxico de mostras.

Por último, e dentro da principal actividade de CEMMA, a asistencia a varamentos e recuperación de fauna mariña ameazada dentro do concello de Nigrán. Cun total de 5 varamentos e nas praias de Nigrán e 10 animais en recuperación nas instalacións de CEMMA (un lobo mariño e 9 tartarugas).

Todas estas actividades están realizadas cunha implicación importante de voluntariado.

 

 

COMPLETE WEB by CEMMA is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Sin obras derivadas 3.0 España License