-
2.1. Características Xerais

INTRODUCCIÓN


As tartarugas mariñas son animais vertebrados que están emparentados cos antigos réptiles anteriores ós dinosaurios, son verdadeiros fósiles vivintes nun planeta conquistado polos mamíferos.

En Galicia a existencia de tartarugas mariñas nas nosas costas pode estrañar, dado que nin crían nas nosas praias nin habitan habitualmente nestas latitudes, pero a súa presencia esporádica nos confirma a influencia no Atlántico europeo da corrente do Golfo, un brazo de mar que permite que teñamos unha grande riqueza biolóxica e determina en grande medida o benigno clima da nosa terra.

Neste libro, ademais de tentar axudar a comprender o xeito de vida destes animais, queremos aportar un gran de area a prol da súa conservación amosando os problemas que teñen estas especies, causados en moitas ocasións polas propias actividades humanas.


AS TARTARUGAS, UNS RÉPTILES MOI ANTIGOS


Clasificación

Os réptiles están representados por 6 000 especies agrupadas en catro Ordes, e as tartarugas son réptiles pertencentes á Orde dos Chelonia (Quelonios). As ordes dos réptiles son:

Chelonia (tartarugas)

Crocodrilia (Crocodilos)

Rhynchocephalia (Varanos)

Squamata (Cobras e lagartos)

Actualmente no mundo existen tartarugas terrestres, mariñas e anfibias. Na Península Ibérica pódense atopar:

As tartarugas terrestres, que corresponden a unha Familia, F. Testudinae cun só xénero que é: Testudo. En Galicia non habitan de xeito natural tartarugas terrestres.

As tartarugas anfibias, chamadas sapoconchos en Galicia, que corresponden a dúas familias: F. Emydae, co xénero Emys, e F. Bataguridae, co xénero Mauremys.

As tartarugas mariñas que corresponden a dúas familias: F. Cheloniidae, que comprende no mundo 27 Xéneros fósiles e 4 vivintes: Caretta, Chelonia, Eretmochelys e Lepidochelys, e F. Dermochelydae, cun só xénero: Dermochelys.


EVOLUCIÓN


Os réptiles máis antiguos pertencen á subclase Anápsida, que se caracteriza por non presentar abertura temporal no cranio. Pola contra, a subclase Diápsida si a presenta, a esta segunda categoría pertencen os dinosaurios e outros réptiles máis modernos que logo darán lugar a aves e mamíferos. As tartarugas son as únicas representantes vivas da subclase Anápsida, que hoxendía están representadas por 230 especies.

As súa orixe remóntase á época do Triásico, entre 220 e 200 millóns de anos (m.a.) e foron abundantes hai 130 m.a. no Cretácico. Todos os Xéneros e as Especies presentes actualmente orixínanse a principio do Eoceno e Pleistoceno, hai 60-100 m.a. Os cetáceos, os golfiños e as baleas, por exemplo, apareceron hai tan só 55 m.a. Daquela, algunhas especies acadaron tamaños descomunais, en consonancia con outros xigantescos réptiles, como a tartaruga Archelon que medía 3,6 metros de lonxitude. Imaxinate poder observar a un exemplar saíndo do mar para realizar a posta nunha praia....


CARÁCTER DISTINTIVO


Presentan unha serie de caracteres distintivos que as diferencian dos réptiles, así como doutras especies animais:

Perda da dentición a favor dunha ranfoteca (pico córneo).

Caparazón óseo formado a partir do esquelete axial e apendicular ó que están soldadas as vértebras torácicas e as costelas. O caparazón ten dúas partes: dorsal ou costal e ventral ou plastrón.

Placas epidérmicas neoformas externas e córneas.


ADAPTACIÓNS ACUÁTICAS


Existen diversas especies de tartarugas con adaptacións á vida acuática e mesmo con caparazóns reducidos, como as tartarugas de caparazón brando que viven na auga doce.

En Galicia habitan dúas especies de sapoconchos (galápagos), o común e o riscado, que presentan membranas interdixitais e uñas. Estas especies viven nos ríos, lagoas e xunqueiras como as Gándaras de Budiño, no río Louro ou na Foz do Miñor. Estas especies poden retraer as patas e a cabeza dentro do caparazón para protexerse.

Existen tamén unhas especies de tartarugas perfectamente adaptadas á vida mariña, as súas aletas están trasformadas en palas ou remos útiles para a natación, non presentando dedos ben diferenciados. Teñen limitada a capacidade de retracción, é dicir, non poden esconder a cabeza ou as patas dentro do seu corpo como fan as tartarugas terrestres ou as anfibias.

As tartarugas mariñas, debido ós seus grandes desprazamentos polos océanos e mares do mundo, son os únicos réptiles nos que se pode falar de migración no seu ciclo vital.

-
-