-
Os golfiños: compañeiros de viaxe

Golfiño común

Outros nomes: touliña, toldiña. Castelán: delfín común. Portugués: golfinho-común. Inglés: common dolphin.

Delphinus delphis

Descrición xeral: chega aos 2,3 metros de lonxitude e a superar os 100 kg de peso. Dentes cónicos de 2,5 mm de diámetro (como a punta dun lápis) nun número de 40 a 50 por hemimandíbula. Presenta unha coloración negra polo dorso formando un pico invertido á altura da aleta dorsal, unha banda amarela ou marrón nos flancos ata a metade do corpo, que se volve gris na metade traseira. Ventralmente é branco.

Bioloxía: aliméntase  de peixes miúdos e cefalópodos. O seu mergullamento é de pouca duración e nel chega aos 70 metros. A xestación dura 10 meses e a cría nace con 90 cm de lonxitude, a lactancia uns 4 meses. Vive agrupado, chegando a xuntar varios centenares de exemplares. A lonxevidade estimada é de 25 a 30  anos.

Distribución: é abundante nas augas de profundidade media por fóra das Rías, puidendo ser observado en grandes grupos. Ocasionalmente pode ser observado dentro das Rías e mesmo desde a costa en grupos pequenos. A maior parte dos cetáceos varados (o 50%) corresponden a esta especie.


Golfiño riscado

Castelán: delfín listado. Portugués: golfinho-riscado. Inglés: striped dolphin. Científico: Stenella coeruleoalba

Descrición xeral: os adultos chegan a medir 2,3 metros cun peso que pode superar os 120 kg. Dentes cónicos de 2,5 mm (como a punta dun lápis) de 40 a 50 por hemimandíbula. Ten corpo esvelto e cabeza máis avultada que o golfiño común. De cor negra azulada no dorso, que está atravesado por unha liña clara tenue e ascendente en forma de fouce; branco no ventre, con moitas listas brancas e negras ao longo do corpo.

Bioloxía: aliméntase de cefalópodos e peixes. A xestación dura 12 meses e a cría nace con 90 cm de lonxitude, a lactancia dura menos dun ano. A maduración sexual acádana sobre os 6-8 anos e a lonxevidade estimada é de 30 anos.

 

Distribución: é un golfiño oceánico e amplamente distribuído nas augas tépedas do Pacífico e Atlántico. Común nas augas atlánticas europeas . En Galicia teñen aparecido varados en toda a costa a pesar de que non habita habitualmente na plataforma. É a que aparece varada viva en maior proporción.

 


Imágenes

Imagen
-
-