-
2.3. As tartarugas mariñas en Galicia. Problemáticas, recuperación, ...

A PROCEDENCIA DAS TARTARUGAS VIAXEIRAS


Cando as pequenas tartaruguiñas nacen e se introducen no mar pasan a navegar na corrente do Golfo que ascende fronte ás costas norteamericanas e atravesa o Atlántico norte para descender por frente das costas europeas retornando de novo á área do Golfo. Esta viaxe dura para as tartarugas moitos anos, poden chegar a ser máis de 10, e realízano aproveitando o desprazamento da masa de auga, polo que en moitas ocasións as tartarugas mantéñense en superficie aboiando e soleándose.


AS TARTARUGAS CHEGAN A GALICIA


En Galicia existen rexistros de tartarugas mariñas dende a descrición realizada por don Joseph Cornide da captura dun exemplar en abril de 1787, fronte ás costas da Coruña, Cornide refere a captura de dous exemplares máis na mesma zona ó redor de 1750. O exemplar foi catalogado por Cornide como Testudo careta, e a descripción coincide hoxe en día coa especie tartaruga mariña común (Caretta caretta).


POR QUÉ VARAN?


En condicións normais as tartarugas chegarían á costa e logo dun tempo polas rías, volverían a retomar a súa viaxe cara ó Caribe, pero hai algúns feitos que impeden o desenvolvemento desta historia.

As malas condicións climatolóxicas do inverno fan que predominen os ventos sur e suroeste, isto fai que as tartaruguiñas indefensas sexan arrastradas cara á costa e deitadas polo mar nas praias, este efecto soe ser moi traumático, chegando a morrer debido á inxestión de area e auga nos pulmóns, os graves traumatismos que provocan a ondaxe contra a area ou contra as pedras. Incluso aquelas que se introducen nas rías procurando un pouco de tranquilidade sofren grandes ameazas debido a súa extrema vulnerabilidade, propiciada pola súa debilidade.

Noutra ocasión unha tartaruga apareceu misteriosamente na porta do centro de recuperación sen que ninguén soubera quen a trouxo, por este expediente X lle chamamos Malder. Como verás na foto, o seu cóbado esquerdo presentaba un acusado abultamento causandolle un insoportable dor que mesmo lle impedía comer. En canto remitíu a dor o seu apetito transformouse en voraz, acelerando a súa recuperación.

Unha vez que as tartarugas quedan ingresadas nos tanques de recuperación, se lles realiza todo tipo de probas para diagnosticar as súas patoloxías e aplicarlles o tratamento adecuado. As probas que se realizan inclúen as analíticas sanguíneas, radiografías, fibroendoscopias e incluso tomografías axiais (TAC) e resonancia magnética. Outra das máis utilizadas polos veterinarios da CEMMA é a ecografía, tal e como se ve na fotografía.

Cando se supera a fase de recuperación e o veterinario dá a alta, é o momento de pensar na súa liberación. Sempre que é posible, unha morea de cativos acompañannos nestes momentos que se convirten en emotivos para todos.

Agora xa ceibe, Mulder mándanos unha postal dende Cabo Verde dicindo que o camiño ó Caribe é longo pero pouco a pouco vaise facendo.


PROBLEMÁTICAS DAS TARTARUGAS DO ATLÁNTICO


Pesca

A pesca continúa sendo unha das maiores ameazas das especies mariñas do Atlántico e das tartarugas. As diferentes artes afectan de distinta forma. O palangre sobre as tartarugas adultas dado o seu caracter carnívoro, as artes de arrastre e enmalle sobre todas sen discriminación, outras artes menores, como nasas, inflúen por ser un impedimento na navegación sobre todo das grandes tartarugas de coiro.


Contaminación

Afecta de xeito directo no caso de tratarse de verquidos de hidrocarburos ou de plásticos dado que moitas morren por inxerir obxectos que confunden con medusas ou vexetais mariños. E de xeito indirecto a través da bioacumulación se substancias contaminantes que afectan a diversas funcións vitais como poida ser ó sistema inmunolóxico ou á reproducción.


Relación presa-depredador

A etapa da posta e o momento do nacemento son moi críticos xa que unha gran cantidade de animais (dende cans domésticos ata aves mariñas) poden depredar sobre elas. Nas áreas de posta diversos animais poden atacar ás femias poñedoras (cans, mosquitos, etc.), tamén outros actúan sobre a posta (ratas, réptiles, insectos) e sobre as pequenas nacidas (aves, crustáceos). No mar as aves mariñas depredan sobre as pequenas que viven a flote e xa en mar aberto e sobre calquera tipo de tamaño oas quenllas poden acabar coa vida das tartarugas ou provocarlles severas mutilacións.


Hibernación

A característica que teñen as tartarugas de entrar nun proceso de hibernación coa baixada da temperatura corporal pode poñelas nunha situación de vulnerabilidade. Tamén a perda da capacidade de mobilidade e de alimentación fai que cheguen a lugares non habituais en duras condicións meteorolóxicas como, as costas de Galicia.


Acompañantes das tartarugas

O caparazón das tartarugas é un lugar ideal para viaxar de xeito gratuíto, é dicir, sen esforzo. Diversos animais e vexetais mariños utilizan os caparazóns e a pel das tartarugas para viaxar con elas e así chegar a lugares lonxanos, estes seres vivos que habitan sobre o corpo de outros chámanse epibiontes.

Algúns deles son xeneralistas, como as algas ou os crustáceos colgantes como o percebe da foto, outros en cambio son específicos, como o cangrexo que acompaña as tartarugas mariñas comúns adultas nos pregues do borde posterior do caparazón.

En Galicia varou un exemplar adulto de tartaruga mariña común e antes de ser liberada foi  limpada de máis de un quilo de epibiontes.

Outras especies como rémoras ou peixes limpadores tamén acompañan as viaxeiras tartarugas. Nas cercanías da Illa de Ons foi liberada das redes unha xigante tartaruga de coiro, durante a operación os mergulladores comprobaron como nas cercanías navegaba un peixiño de raias e cores que nunca fóra vistopor estes mares, cando finalmente foi ceibado o animal das ataduras o peixiño marchou baixo o seu ventre acompañándoo tal e como fixera dende sabe quen onde.


QUÉ LLES PASA?


Concretamente teñen frío e fame, é dicir, atópanse nunhas augas demasiado frías para elas cando non lles corresponde e polo tanto diminúen as súas funcións vitais chegando a un estado de hibernación polo que deixan de comer. Todo isto, xunto co grande esforzo que realizan tentando resistir nun mar bravo, fai que estean nunha situación extrema en que son susceptibles de adquerir patoloxías e enfermidades.

Unha das patoloxías máis comúns son os traumatismos das articulacións, o neumotórax (aire na cavidade corporal e fóra dos pulmóns) e infeccións oculares. Unha das máis graves infeccións levou a intervir cirurxicamente os ollos dunha tartaruguiña porque as súas pálpebras estaban cicatrizadas impedíndolle a visión. Chamámoslle Estivi, en lembranza do famoso cantautor invidente Stieve Wonder. Afortunadamente pouco tempo despois recuperou totalmente a visión e puido ser liberada.

-
-