-
2.1.2. Tartaruga mariña común (Caretta caretta)

TARTARUGA MARIÑA COMÚN


ORDE: TESTUDINES

FAMÍLIA: CHELONIIDAE

XENERO: CARETTA

ESPECIE: Caretta caretta

OUTROS NOMES: Tartaruga mariña (portugués), Tortuga babaua (catalán), Karetta dortoka (euskadi), Tortuga marina común o Tortuga boba (español), Loggerhead sea turttle (inglés).

 

DESCRICIÓN

O seu caparazón ten un tamaño medio de entre 90 e 100 cm, cun peso de 90 a 150 Kg. O seu corpo está protexido por placas córneas.Ten unha cabeza grande e robusta.A forma do caparazón é ovalada, máis longo que ancho e cos bordes máis ou menos aserrados. As placas do dorso do caparazón teñen a seguinte disposición:

Caparazón alongado e cuberto de 5 escudos vertebrais hexagonais e cinco pares de escudos costais (ás veces seis), estando o primeiro en contacto coa placa nucal e doce ou trece pares de placas marxinais. Os xuvenís teñen tres quillas dorsais nas placas dorsais e costais e os bordes do caparazón aserrados, estes caracteres desaparecen co crecemento. O plastrón posúe tres pares de placas inframarxinais que carecen de poros. Na cabeza posúe dous pares de escamas prefrontais ou dorsais que acostuman estar rodeando a unha central máis pequena. Posúen dúas uñas en cada extremidade aínda que co medre poden perder unha. A súa coloración é entre parda e roxa polo costal e máis clara pola zona ventral, tirando cara unha cor amarela ou crema.

 

BIOLOXÍA

Son animais solitarios de costumes menos oceánicas que a tartaruga laúde, achéganse abondo á costa e mesmo poden adentrarse nas rías, zonas estuáricas e desembocaduras de grandes ríos. É omnívora e aliméntase de medusas, esponxas, moluscos, cefalópodos, equinodermos, peixes e tamén consome vexetais como a zoosteira e o sargazo, en ocasións pode ser preeira alimentándose de restos de animais mariños mortos. A súa profundidade de navegación media é duns 10 metros. Viuse que hibernan en augas profundas e suxeriuse que podan pasar mesmo semanas sen subir a respirar. O dimorfismo sexual é pouco acusado, os machos posúen un caparazón máis estreito cara a zona posterior e o rabo é máis longo que nas femias. A madurazón sexual acádana ós 15-20 anos.

 

DISTRIBUCIÓN

Rexións tépedas, tropicais e subtropicais dos mares Mediterráneo, Atlántico, Indico e Pacífico. Cara o norte existen rexistros en nos países do Norleste de Europa, Noruega e Illas Británicas.

Areas de cría no Atlántico: oeste- Florida, Carolina, Cuba, Yucatán, Colombia e Brasil. Leste- Senegal. Mediterráneo- Turquía, Israel, Argelia, Túnez, Libia, Chipre.

A nivel Ibérico: é a especie máis común das costas Ibéricas e Macaronésicas. Común no Mediterráneo dado que a nivel das Illas Baleares se sitúa un área importante de alimentación, no sur destaca a presencia de pasos entre o Atlántico e Mediterráneo con presencia de adultos e xuvenís no Mar de Alborán. No norte e noroeste dase o paso de exemplares xuvenís. Comprobouse no ano 2001 a posta dunha femia nunha praia de Almería.

Antes de 1990 rexístranse 19 exemplares. No período 1990-99 rexístranse 61 exemplares, o 65,5 % das citas entre novembro e febreiro, están distribuídas maioritariamente pola área suroccidental de Galicia (60%). O 57,3% dos animais foron recollidos aínda con vida, algúns deles presentaban estrangulacións e indicios de captura, podendo rescatar a algúns dos exemplares, o 37%.

Ao longo do ano aparecen dous semestres ben diferenciados: un de maio a outubro en que tan só aparecen o 19% dos resistros e outro de novembro a abril no que se concentra o 81 % das citas. Nas últimas décadas aconteceu un feito excepcional, entre novembro de 1997 e xaneiro de 1998 recolléronse 26 exemplares, posteriormente no ano 2001 deuse un caso semellante rexistrándose ata 40 exemplares. No resto do período, o número de rexistros por ano foi sempre inferior a cinco.

Dado que o 76% das tartatugas median menos de 33 cm de caparazón unha delas tan só 13 cm, concluíndo que se tratan de exemplares xuvenís. Só foi localizado un individuo de 97 cm de caparazón e 124 cm de lonxitude total, varado vivo na Ría de Vigo o 13/09/95 que xa sería considerado adulto polo tamaño.

A distibución de talles das tartarugas das costas galegas coincide coas presentes nas augas dos Açores, o que indicaría que nos atopamos ante a mesma poboación e mesmo diante do mesmo rango de talle/idade.

As augas do Atlántico europeo son unha verdadeira gardería de tartarugas mariñas.

-
-