-
2.1.1. Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)

TARTARUGA DE COIRO

 

ORDE: TESTUDINS

FAMÍLIA: DERMOCHELYIDAE

XENERO: DERMOCHELYS

ESPECIE: Dermochelys coriacea

OUTROS NOMES: Tartaruga de coiro (portugués), Tortuga llaut (catalán), Larruco dortoka (euskera), Tortuga laúd (español), Leatherback turttle (ingles).

 

DESCRICIÓN

é a tartaruga máis grande que existe, acadando un tamaño medio de entre 170 e 190 cm, cun peso duns 300 kg, podendo chegar mesmo ata os 250 cm e sobrepasar a media tonelada de peso. A principal característica é que carece de placas córneas que protexen o seu corpo, en cambio posúe unha pel grosa e ríxida de xeito coriáceo protexendo o caparazón, tamén carece de uñas. O caparazón posúe unha forma semellante a un laúde, ancho na parte anterior e estreitase progresivamente cara á parte posterior; ten sete cristas ou quillas na parte dorsal e cinco no plastrón (zona ventral). A súa coloración é negra-azulada con manchas claras e irregulares polo dorso e máis clara pola zona ventral, co plastrón de cor abracuzado e salpicado de manchas mouras irregulares.

 

BIOLOXÍA

trátase dun animal de carácter oceánico e solitario, pero en ocasións achégase á costa para se alimentar ou reproducir. É omnívora, pero ten preferencia polas medusas e outros animais de corpo mol, ademais aliméntase de crustáceos, equinodermos, peixes, cefalólopodos, moluscos e complementa a dieta con algas verdes e plantas mariñas. A profundidade media á que navega é duns 62 metros, pero se teñen constatado inmersións de máis de 1000 metros. Posúe unhas adaptacións anatómico-fisiolóxicas que lle permiten manter a súa temperatura corporal ó redor de 25° C, o que lles permite visitar augas frías e soportar as temperaturas baixas. Existe un dimorfismo sexual pouco acusado, os machos posúen o plastrón cóncavo e máis afiado na zona posterior, ademais o seu rabo é máis longo que nas femias e adianta os membros posteriores. As femias acostuman ter unha cicatriz rosada sobre a cabeza producto da cópula. Chegan á madurez sexual aos 13-14 anos e a época de reprodución vai desde abril até novembro.

 

DISTRIBUCIÓN

está presente en todos os océanos, pero distinguimos dúas subespecies. A que visita as nosas costas é Dermochelys coriacea coriacea, que é típica do océano Atlántico e ocasionalmente entra no Mediterráneo; a outra subespecie, D.c.schegelii é propria do Oceano Índico e Pacífico. Os exemplares que nos visitan proveñen das zonas de nidificación da costa atlántica americana e chegan a través da corrente do Golfo, aínda que son nadadoras moi activas.

No século XIX só temos constancia dunha cita e ningunha na primeira mitade do XX, de xeito que antes de 1980 só se rexistran 14 exemplares. Antes de 1990 rexístranse 55 exemplares entre a desembocadura do Miño e Vares, Mañón, A Coruña.

Entre 1990 e 1999 rexistráronse 116 exemplares varados ou capturados nas costas de Galicia. O tamaño medio dos exemplares ronda os 190 cm, o 13,7% eran capturas accidentais, o 2,5% animais varados vivos, conseguíndose o rescate da maioría dos exemplares vivos enmallados ou liados en redes e nasas. Existe rexistro de ó menos 3 avistamentos no mar. A área xeográfica con maior número de rexistros é a comprendida na zona occidental de Galicia, a provincia da Coruña rexistra o 83% dos casos.

Na costa americana é coñecida comunmente como tartaruga baula e hai un dito popular que fai referencia a vitalidade deste animal:

“Vostede non pode meter a unha baula nunha xaula”

-
-