Avistamentos

 

A Rede de Avistamentos en Galicia púsoxe en funcionamento o ano 1998 e dende aquela, xa fai mais de 12 anos, o voluntariado da CEMMA colabora activamente na súa execución. A metodoloxía empregada nas diferentes propostas de avistamento difire principalmente encanto diferenciamos os dous ámbitos de actuación xeográfica, o que nos permite definir a rede de monitorización costeira e a rede de monitorizacion mariña:


  • Rede de Monitorización Costeira


Baseada no emprego de 30 puntos de observación que se distribúen ao longo do litoral galego, periodicamente se realizan 14 rutas de observación onde os nosos voluntarios colaboran no aporte de información actualizada sobre as mandas de mamíferos mariños que habitan as nosas costas. Unha vez recollida a información dos avistamentos, esta procésase para obter datos de composición, estrutura, situación ou estado dos grupos estables de cetáceos a par de documentar novos rexistros ou problemas ambientais.


A participación dos voluntarios establécese en base á proximidade xeográfica e posibilidade de desprazamento de cada persoa, editando materiais de apoio que soporten a actuación en cada un dos puntos ao longo de todo o ano.


  • Rede de Monitorización Mariña.


Como complemento a rede de monitorizacion costeira, establecéronse unha serie de estudios a bordo do noso buque de observación, onde se levan a cabo tomas de datos mais en contacto co medio. En cada campaña se establecen unha serie de embarques onde os voluntarios participan en todo tipo de tarefas, dende o avistamento de cetáceos e aves mariñas ata toma de mostras de zooplancto e fitoplancto, fotoidentificación, colaboración con actividades relacionadas coa bioacústica, etc… Todas estas actividades son coordinadas pola responsable da rede de avistamento, que prepara en conxunto coa tripulación o devir de cada embarque. Antes de saír de porto, o responsable da rede realiza unha explicación das tarefas a levar a cabo, facendo un repaso da metodoloxía abordada durante os cursos de formación. Deste xeito garántese que todo o traballo será executado cunha mesma base operativa, conferindo aos datos tomados unha uniformidade imprescindible para o posterior tratamento científico.


En cada embarque (entre 10 e 20 por ano) habitualmente participan unha media de 20 voluntarios, colaborando activamente todos eles na recollida de datos durante a mostraxe.

-
-