2. Explosión de Vida



Os factores xeográficos, ambientais, oceanográficos e físicos teñen unha resposta biolóxica mariña, ás veces xéranse tantos procesos en tan pouco tempo que se provoca unha verdadeira explosión de vida.


Durante as purgas de mar os mexillóns non se poden extraer para comercializar debido as toxinas  presentes.


Existen dúas toxinas, unha paralizante e outra diarreica. A paralizante non se pode eliminar, a diarreica elimínase coa cocción.


As augas con afloramento son os ecosistemas máis produtivos do planeta, tres veces máis que os ecosistemas terrestres máis produtivos.


Afloramento

Todos os factores xeográficos, ambientais, oceanográficos e físicos teñen unha resposta biolóxica que nalgúns casos ten características de verdadeira explosión debido á cantidade de procesos biolóxicos que se xeran en tan pouco tempo.


A finais do verán, cunhas temperaturas suaves, boa cantidade de luz e un vento moderado nunha dirección adecuada dáse unha ascensión de nutrientes como acción do afloramento e a rotura da termoclina, isto ten como consecuencia un aumento da produtividade mariña que no caso do fitoplancton poden acadar valores de 640 a 1600 miligramos de carbono fixado por metro cadrado. No resto das estacións do ano as condicións non son as máis adecuadas para manter esa produtividade.


Empacho de nutrientes

Entre a grande variedade de especies que viven no plancton existen algunhas especies de fitoplancton denominadas dinoflaxelados que presentan pigmentación.


Denomínase "marea vermella", "purga de mar" ou "hemotalasia" (do grego hemos, hematos=sangue e thalasos=mar), ao cambio de cor da auga, caracterizado por un aumento localizado dalgúns organismos (microalgas) que a habitan. Algunhas deslas producen unha cor vermella nas augas, mais existen mareas que producen outras cores como verde, parda, amarelo, laranxa, etc. A maioría non produce cambio de cor. Dos miles de tipos de mareas, só unha baixa porcentaxe son nocivas.


Son comúns en moitas partes do mundo e reciben distintos nomes de acordo co país onde se producen: "eau rouges" en Francia; "l' acqua rossa" en Italia; " akashisho" en Xapón; "red tides" ou "red waters" nos países angloparlantes;" "el turbio" en Venezuela; " aguaje" en Perú; "huirihue" o "virigüe" en Chile; "tingui" e "aguji" en Cuba, etc.


Algunhas das especies de dinoflaxelados poden ser tóxicas, afectando a todas as especies que se alimenten delas. En ocasións, como no caso do mexillón, a purga non o afecta substancialmente máis que na limitación da filtración, mais a toxina acumúlase no seu interior (no hepatopáncreas ou noutras partes do corpo) e durante un tempo o mexillón seguirá sendo tóxico precisando un tempo de desintoxicación, xa que non existe outro método de eliminación da toxina.

Tamén se producen proliferacións de algas non tóxicas, nin perigosas, aínda que poidan chegar a ser nocivas cando a densidade celular é tan elevada que favorece a diminución de osíxeno disolto, a liberación de polímeros e a oclusión de branquias en peixes e moluscos, dando como resultado -ao igual que nas mareas tóxicas- a mortandade masiva. Para que unha proliferación de algas sexa considerada como marea vermella, a súa presencia debe oscilar entre 5 e 20 millóns de células por litro.


As especiais condicións de alta presenza de nutrientes na columna de auga favorece a proliferación masiva de moitas especies de fitoplancton e entre elas de dinoflaxelados. A purga vai remitindo ao variar as condicións ambientais de luminosidade e temperatura restablecéndose o equilibrio no medio.


Efectos da toxina

Existen dous tipos de toxina, a PSP (Paralytic Shellfish Poisoning) que provoca unha intoxicación de carácter paralizante e a DSP PSP (Diarrhetic Shellfish Poisoning) que provoca unha intoxicación de carácter diarreico.


A toxina PSP é producida por dúas especies de dinoflaxelados: Gymnodinium catenatum e Alexandrium tomarensis e a toxicidade procede duns 13 tipos de toxinas entre as que se atopa a Saxitoxina, altamente virulencia que actúa bloqueando os neurotransmisores. Os síntomas poden aparecer en horas e comezan con cóxegas na lingua e nos dedos e afectan á respiración nos casos máis graves.

A toxina DSP é producida por dúas especies de dinoflaxelados do xénero Dinophysis. Os síntomas son confundidos cunha infección bacteriana. A cocción a máis de 60ºC destrúe a toxina.


Seguimento

Dende 1977, realízanse controis periódicos do medio previndo a producción de mareas vermellas e levando a cabo do seguimento das toxinas nos mexillóns, durante este período péchanse os parques de cultivo afectados até a remisión a marea e de que o mexillón non presenta toxinas acumuladas no seu corpo.


A explosión de vida e o efecto dominó

As consecuencias da explosión de vida non se remiten só as mareas vermellas, unha infinidade de especies de microorganismos van ser os protagonistas dun efecto dominó multiplicador que sustenta a rede trófica que caracteriza a riqueza do ecosistema das áreas de afloramento.


A producción primaria nas augas con afloramento é de 500-1500 g C2/ano, estas cifras son tres veces maiores cas das áreas terrestres máis productivas que son selvas. Estas áreas de producción son máis prolíficas se a plataforma é extensa pois ten unha maior superficie adecuada para a expansión das especies que son sustentadas polos productores primarios e dando unha maior diversidade á participación na rede trófica. Aumenta polo tanto a riqueza e a producción do ecosistema como base á explotación de recursos.


Tan importante é a presencia dos nutrientes a disposición dos seres vivos microscópicos, o afloramento, como a súa frecuencia e duración xa que segundo estes parámetros se permitirá o medre fitoplanctónico e a disponibilidade para outros seres compoñentes da rede trófica.

 

-
-