1. Riqueza e Biodiversidade


A costa galega destaca por unha grande riqueza productiva e pola súa inmensa diversidade biolóxica.


A presencia de organismos microscópicos flotantes que forman grande parte do fito e zooplancto forma a base da riqueza biolóxica do resto das especies que habitan o mar.


A grande variedade de formas biolóxicas permiten utilizar absolutamente todas as posibilidades para poder adaptarse a un nicho ou asentarse e vivir.


O redor de 1400 especies de flora e fauna mariña macroscópica poden estar rexistradas na costa galega.


A diversidade biolóxica é tal que podemos atopar seres vivos nas máis duras condicións de vida no mesmo bordo da costa.


Introdución

A área mariña que rodea as costas de Galiza presentan unha alta diversidade biolóxica tanto polas súas características productivas como pola súa situación estratéxica xeográfica, nesta latitude atópanse especies que rematan o seu límite de distribución norte ou sur, mesmo solapándose a distribución entre especies que viven en augas máis cálidas con outras que viven en augas máis frías, as especiais condicións aportadas polo afloramento estacional permite a conxunción desta situación.


O medio mariño é un bo caldo de cultivo e dispón dun completo conxunto de nutrientes e materia orgánica en suspensión preparados para nutrir aos seres vivos que se desenvolven no seu seo.


Viktor Hensen no ano 1887 acuña o termo plancton para referirse a todos os organismos, tanto animais e vexetais, que viven flotando pasivamente ou cunha capacidade limitada de movemento.


Flotación , a clave do éxito: para maior éxito do plancto os organismos precisan aboiar, o fitoplancto precisa ocupar a parte superior da columna de auga para poder acceder á luz solar e o zooplancto para alimentarse. As estratexias para diminuír a caída son diversas, en primeiro lugar está a diminución do tamaño, mais como isto é insuficiente adoptan corpos aplanados, campaniformes e con expansións corporais ou apéndices para aumentar a flotación.


Plancto

Segundo sexan animais ou vexetais o plancto clasificase en fitoplancto (vexetal) e zooplancto (animal). Ademais de seres que viven exclusivamente neste ambiente, forman parte do plancto outros seres que só viven unha etapa da súa vida, xeralmente a larvaria, e que usan este medio como dispersión dos adultos que viven fixados ao substrato. A maior parte do plancto está composto por organismos microscópicos mais tamén se poden atopar peixes de até 20 cm e medusas de até 2 metros. É o que se denomina macro e megaplancton.


Fitoplancto está formado por organismos unicelulares que conteñen clorofila e outros pigmentos fotosintéticos. ao igual que os vexetais terrestres utilizan anhídrido carbónico, sales minerais e enerxía solar para xerar hidratos de carbono, proteínas e ácidos graxos. A actividade fotosintética está limitada aos 15 metros de profundidade debido á influencia da luz do sol. Clasifícanse en dous grandes grupos: diatomeas e dinoflaxelados. As diatomeas viven nas augas superficiais e presentan esqueletos de sílice moi ornamentados e complexos que axudan a manter a flotabilidade. Cada cuncha de diatomea ten dúas valvas e na división por bipartición cada valva forma un novo individuo, esta división é limitada polo que tamén teñen a posibilidade  de reproducirse sexualmente.


Dinoflaxelados: son organismos unicelulares que dispoñen dun flaxelo a xeito de látego que lles permite propulsión e mobilidade. Os dinoflaxelados de pigmentos vermellos son os responsábeis das mareas vermellas cando experimentan unha forte explosión das poboacións, algúns deles acumulan toxinas que poden provocar consecuencias paralizantes ou mesmo a morte en seres de diferentes niveis tróficos que os consuman.


Zooplancto: está composto por organismos pertencentes aos grandes grupos animais. das 135 mil especies de invertebrados, 100 presentan unha fase larvaria libre durante un período de tempo que son constitutivas do plancto. Os seres constitutivos do zooplancto son heterótrofos, dependen da inxestión doutros organismos (bacterias e fitoplancto). Os protozoos, foraminíferos e radiolarios, son seres unicelulares. Os cnidarios poden formar parte do plancto toda a vida (holoplanctónicos) ou só na fase larvaria (meroplenctónicos) dado que algunhas especies son sésiles na súa fase adulta. Os Ctenóforos, seres ciliados e os Quetognatos, vermes transparentes, son holoplantónicos. Os poliquetos son na súa maior parte meroplanctónicos dado que a maioría son bentónicos (viven no fondo). Os crustáceos son o grupo máis numeroso que constitúe o plancto chegando a valores de máis do 90% da biomasa total, moitos deles son meroplantónicos e con varias fases larvarias. Moluscos e equinodermos son tamén holoplanctónicas. Moitas especies de peixes presentan ovos e larvas planctónicas.


Durante o verán as augas nas rías están separadas en profundidade por presentar dous tipos de temperaturas diferentes, a liña divisoria denomínase termoclina. No outono debido a cambios da temperatura e dos ventos, a termoclina rómpese acadando unha mestura de ambas augas propiciando un aumento de nutrientes procedentes de augas profundas. Isto ocasiona unha explosión nos organismos fitoplanctónicos que ven seguido dunha explosión dos organismos zooplancónicos


Unha importante fración dos animais constitutivos do plancto son transparentes como estratexia para ser depredados, en cambio outros presentan grandes ollos cos que detectar as súas presas.



Natación: Moitos animais teñen a capacidade de nadar activamente no pélagos, así van distribuíndose en diferentes profundidades, algúns deles segundo a etapa da vida, segundo o día ou a noite, a variación das condicións ambientais, etc. en función das súas necesidades e condicionando os movementos dos seus predadores.


No fondo ou dentro del: o fondo é un espazo útil para desenvolver a vida, nel sitúanse animais móbiles e sésiles e tamén vexetais que precisan de substratos duros para fixarse.

Hai outros seres que utilizan o propio substrato para vivir nel, poliquetos, moluscos e crustáceos viven inmersos non fondos de areas, lama e incluso rochas.


Algunhas especies están adaptadas a vivir en ambientes difíciles como é o intermareal que nas mareas baixas quedan expostos ao aire. Alí cada unha das especies busca o seu nicho ecolóxico adecuándose ás características de cada zona.


Incluso hai especies que están adaptadas e especializadas a vivir en obxectos flotantes como botellas, plásticos e mesmo madeira.


A natureza adáptase aos cambios provocando novos cambios, é un todo dinámico no que o ser humano está inmerso.


Os seres mariños distribúense no medio segundo as características dos hábitats aos que estean adaptados a vivir, así denomínanse bentónicos os seres que habitan os fondos e peláxicos os que habitan na columna de auga.


Biodiversidade da plataforma

Resulta moi difícil saber exactamente o número de especies presentes no mar galego, sobre todo porque moitas delas aínda están por descubrir ou porque outras poden estar de paso, mudar, desaparecer ou aparecer de novo por diferentes motivos. Por aproximar unha cifra temos que:


Algas: aproximadamente rexístranse unhas 30 especies.


Moluscos:  un total aproximado de 824 especies son rexistradas nas costas de Galiza, 1 especie de monoplacóforos, 9 especies de poliplacóforos, 530 especies de gasterópodos, 200 especies de bivalvos, 6 especies de escafópodos, 78 especies de cefalópodos.


Crustáceos: As costas de Galiza contan coa presencia dun grande número de especies de crustáceos, só de decápodos braquiúros rexistráronse 53 especies. A biomasa de crustáceos decápodos estimouse dúas ou tres veces superior no oeste que no norte de Galiza .


Ictiofauna: A variedade piscícola das augas litorais de Galiza é de aproximadamente 300 especies. A riqueza media na plataforma varía entre 5 e 30 especies (nun lance de 30 minutos) situándose as zonas de máis de 20 especies nos fondos lamacentos-areosos de menos de 150 m de profundidade, na área fronte A Coruña e Ribadeo. As zonas máis pobres corresponden a fondos lamacentos do bordo da plataforma fronte ás Rías Baixas.


Das especies máis importantes temos: o lirio (Micromesistius poutassou) e o xurelo (Trachurus trachurus) son as especies piscícolas máis uniformemente distribuídas na plataforma de Galiza entre os 100 e os 200 m de profundidade. O lirio é a especie máis abundante, unha proporción superior ao 80% da poboación e atópase entre 175 e 300 m de profundidade. Os xuvenís do xurelo establécense nas augas de menos de 100 m asociados ás rías, en cambio os adultos prefiren as augas de 100 a 300 m.


Ademais das citadas, lirio e xurelo, a pescada (Merluccius merluccius), o cazón (Scylliorhinus canicula) e a faneca prateada (Gadiculus argenteus) supoñen preto do 80% da biomasa dos fondos da plataforma. A pescada da plataforma galega é maioritariamente xuvenil e agrúpanse sobre os fondos lamacentos situados entre 90 e 180 m. A faneca prateada vive entre os 100 e 200 m.


A sardiña (Sardina pilchardus) distribúese en augas de menos de 100 m asociada ás augas interiores da costa galega cunha forte distribución estacional, a xouba (sardiña de menos de 150 mm) fai aparición en primavera (febreiro-abril) e en outono (xullo-outubro) aínda que, en menor medida, está presente tamén o resto do ano.


A pescada, o lirio, a sardiña e o xurelo son especies de alto valor comercial. Nos últimos anos, coincidindo co empobrecemento progresiva da plataforma, nas augas próximas aos 200 m de profundidade aparecen grandes concentracións de marciano ou trompeteiro (Macroramphosus scolopax).


Aves  mariñas: foron rexistradas unhas 100 especies de aves mariñas aínda que algunhas son oceánicas e só van a terra a criar (paíños ou mascatos), outras viven preto da costa, áreas terrestres e mesmo de asentamentos humanos (gaivotas claras ou choronas).


Mamíferos mariños: Foron rexistradas, 24 especies de mamíferos mariños, 20 especies de cetáceos e 4 de pinnípedes.


Outros vertebrados: cinco especies tartarugas mariñas están presentes na costa de Galiza de xeito esporádico, sendo máis abundantes a tartaruga boba (Caretta caretta) e a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea).




A costa, a riqueza dos bordos

O efecto de bordo é un termo ecolóxico que define o aumento da riqueza biolóxica nos bordos de intercambio de dous ecosistemas diferentes. A costa supón a interfase entre o ecosistema terrestre e o ecosistema mariño.


A vida neste lugar de intercambio non é doada xa que, por exemplo, na zona intermareal de influencia de marea os seres vivos alí instalados teñen que estar medio día cubertos polo mar, outro medio día en seco e soportando o bater das ondas e a deshidratación do sol. Aínda así son moitos os seres vivos adaptados a esas duras condicións de vida e mesmo podemos ver a gradación desde os seres eminentemente mariños até os practicamente terrestres con toda unha serie de casos intermedios.

Imágenes

Imagen
-
-