Glosario
Tabal: Envase de madeira para gardar sardiñas salgadas.
Talaso: Elemento grego de formación de palabras que significa “mar”.
Tallamar: Táboa grosa, curvada, que levan os barcos na proa para corta-la auga ó avanzaren.
Tana: Peixe de corpo comprimido e ovalado, moi semellante ó dos sargos; a súa cor vai de gris cinza ata o azul; as liñas lonxitudinais que recorren os costados son douradas; pode chegar os 50 cm de lonxitude e a case dous quilos de peso.
Tanca: Vara que mantén pechada as bases das nasas.
Tangarte: Cazo, ou calquera obxecto que poida servir para achicar auga dunha embarcación pequena, normalmente dun bote. Var. Briol, Achicadoiro.
Taro: Lombo de area.
Tarrala: Rede de pesca redonda que se lanza á man nos ríos e no mar en zonas de pouca profundidade.
Tarugo: Pau que se introduce na corda da batea para poñe-lo mexillón.
Tarxa: Cota que se pagaba nas confrarías.
Tasca: Canle de pouco calado.
Tasquear: Navegar por unha canle de pouca auga.
Telina: Especie de ameixa, xénero de moluscos lamelibranquios.
Tenquedo: Pesca do bonito co barco parado.
Tentemozo: Travesa dun barco que vai de babor a estribor por debaixo das bancadas, no que se apoian os pés dos que reman.
Terrafa: Embarcación dedicada á pesca do cerco.
Terral: Vento que ven da terra ó mar.
Teso: Mar picado.
Temón: Peza plana, articulada verticalmente á popa dunha embarcación que, facéndoa virar á dereita ou á esquerda pola presión da auga, permite gobernar a embarcación.
Tina: Especie de cubo con armazón de madeira e un cristal por abaixo para ver o fondo do mar. Utilízase esta arte para a pesca do centolo.
Toldado: Escuro.
Tolete: Peza de madeira, fixa no borde da embarcación, que serve para suxeitar e apoiar o remo.
Toliña: Especie de golfiño.
Toniña: Mamífero cetáceo, da familia dos delfínidos , de rostro prolongado, tamén coñecido coma golfiño, delfín, arroaz, touliña.
Tomas: (Epigonus telescopus) Peixe de corpo alongado e cilíndrico, de cor negra-violácea e cuberto de grandes escamas.Ten ollos grandes e saltóns. Péscase na zona de cantil da plataforma galega e no chamado Banco de Galicia.
Tombo: Onda do mar.
Tómbolo: Acumulación de terra e area que une o continente a unha illa.
Tona: Parte superior da auga.
Toquear: Dar cabezadas, dormiñar.
Tordo: Peixe mediterráneo de cores vistosas. Nalgúns lugares de Galicia, mareo.
Torpedo: Peixe mariño semellante ás raias, que produce descargas eléctricas cando se toca.
Traboio: Obxecto de madeira onde se envolven as liñas.
Traíña: Aparello de arco para a pesca da sardiña; boliche.
Tralla: Cabo que forma a armazón das redes. Cabo co que se reforzan e circundan as velas e redes.
Traiñeira: 1.Barco de pesca aparellado con traíñas. 2. Lancha longa e estreita.
Trancho: (Sprattus sprattus) tamén chamado espadín. Peixe similar á sardiña pero co corpo máis pequeno e comprimido, e escamas ventrais dispostas en forma de quilla. Bocarte. Peixe semellante ó sábalo.
Trapa: No mar, peza da arte pesqueira da parella.
Tremo: Peixe con corpo en forma de disco, a súa pel é lisa e sen escamas. Posúen órganos de electricidade a ámbolos dous lados do disco e que poden chegar a producir ata 220 voltios. Tamén recibe os nomes de tremelga, tremedor, galiña do mar, etc.
Trilobites: Artrópodo mariño fósil da era primaria.
Trinca: Reforzo dun cabo mediante unha corda fina para fixar algunha peza dun navío.
Trincado: Embarcación de carga e pasaxe cun só pau e unha soa vela.
Trincar: Suxeitar con cabos ou cordas.
Trinquete: Pau de proa nun barco de vela. 2.Verga maior que se cruza sobre este pau.
Trolleira: Banco de bonitos.
Tripeiro: Gaivota do río que se alimenta de tripas.
Trirreme: Antiga embarcación con tres ordes superpostas de remos.
Trompear: Saltos que mete a embarcación cando navega contra o mal tempo.
Truel: Zalabardo/Salabardo.
Turbón: Tempo pouco seguro.
Turbonila: Xénero de moluscos gasterópodos de tentáculos anchos e con forma de canle.
-
-